Arquivo do blog

martes, 2 de maio de 2017

Emigración -comercio con persoas




Eses  africanos que veñen.
Carlos Casares. 28 de agosto do 1992  
Eses africanos famentos que atravesan o Estreito con perigo para vir recoller as farangullas que nos sobran ós demais, traenme á memoria un episodio sucedido hai anos nas terras da Limia, concretamente na parroquia do Sabucedo, onde meu tío exercía de médico rural. Unha mañá terrible de frío, auga e vento, ó meu tío entroulle polo patio adiante unha grea fantasmal de homes mollados e aterecidos, con barba de días, moitos deles enfermos e con febre, e todos cheos de fame e miseria.
Eran portugueses que ían camiño de Francia. Un negreiro tiña comerciado con eles. Despois de cobrarlles un anticipo tróuxoos dando tombos e voltas polos montes, camiñando en forma de ese ou zig - zag, para que pensaran que a ruta era longa pero sen avanzar máis de doce quilómetros en varios días. Finalmente situounos fronte ó canal de desaugue da Lagoa de Antela e díxolles que Francia estaba do outro lado.
Un bicho sen alma como este que mandaba a aqueles portugueses a unha morte segura, dada a forza das augas do canal naqueles días de natureza desbordada. Está sempre detrás de cada grupiño destes africanos que colle a Policía española  ou que naufragan antes de chegar á terra soñada. Sempre a miseria duns lles sirve a outros para gañar cartos. Son diñeiros podres, horrible “calderilla” acuñada no inferno, pura moeda de Satanás . Ogallá a teñan que gastar en mediciñas.
Publicado  na Voz de Galicia na sección “ Á Marxe” . Pódese consultar na hemeroteca.
-Podes dicir a data do artigo periodístico de Carlos Casares ?
- Busca no mapa a comarca da Limia . 
- Límites xeográficos e políticos da Galicia . País, rexións autonómicas. Localiza o río Limia nun mapa de Galicia.
- Que significa a palabra "negreiro"?
- Por que portugueses?
- Pregunta ti tamén : Onde sucedeu ? Quen son os protagonistas?
- Podes facer  unha ilustración para o artigo de Carlos Casares  Un colage coas imaxes da prensa , un debuxo  ... .
_________________________________________________________________________
Que di o curriculum? Algunha cousiñas  para guiar o deseño de actividades

- B3.2.Manifestacións culturais e lingüísticas de Galicia  Contido
- B3.2.Valorar a diversidade cultural, social, política e lingüística de Galicia respectando as diferenzas. Criterio de Avaliación
- CSB3.2.1.Recoñece, partindo da realidade galega, a diversidade cultural, social, política e lingüística nun mesmo territorio como fonte de enriquecemento cultural. Estándar
Competencias Sociais e Cívicas - Conciencia e Expresións  Culturais
- B3.7.Os movementos migratorios: éxodo rural, a emigración a Europa, a chegada de emigrantes ao noso país, problemas actuais da poboación. Estudo dos movementos migratorios da familia. Contido
- B3.4.Describir os movementos migratorios da poboación galega e de España explicando o éxodo rural, a emigración a Europa, e a chegada de emigrantes ao noso país e identificar os problemas actuais da poboación.
- CSB3.4.1.Explica o éxodo rural, a emigración a Europa, e a chegada de emigrantes ao noso país.  Estándar
 Competencia Social Cívica – CConciencia e Expresións Culturais – Competencia Comunicación Lingüística